Entrevista con Diego Santos, xerente de Surfin

surfin

“Cada mañá levántome dun salto da cama como xamais o fixera antes”

Diego Santos é espontáneo e impulsivo, pero á vez cauteloso e reflexivo. Unha combinación paradóxica que fai que as cousas na súa empresa, Surfin, vaian “un pouco máis lentas do que me gustaría, pero coa satisfacción de que estou dando de min o que nunca podería imaxinar”. Surfin é un proxecto persoal que leva moito tempo querendo levar a cabo, e que se fixo realidade tras cursar o plan de formación de habilidades emprendedoras “Escola de Emprendedores. Campus do Mar” de 2013.
Diego, Surfin

Por que decidiches formar parte da Escola de Emprendedores. Edición Campus do Mar?
Estaba no período de planificación de Surfin, tiña moitas ideas e estaba rematando a primeira versión da web cando me matriculei. O título “Campus do Mar” resultaba alentador para unha unha idea como a miña, e por primeira vez en moito tempo tiña unha necesidade real de saber cousas, sobre todo de certos aspectos empresariais que pola miña formación escapábanseme. Foi unha das poucas veces na miña vida que quería que chegase o día seguinte para saber un pouco máis.

Qué sucedeu ao finalizar o programa?
Foi un momento agridoce. Da mágoa pechar certas etapas. Ao rematar o curso xurdiume un contrato como bolseiro no Ministerio de Agricultura. Pero ademais púxenme a tope con Surfin, e lle dedico cada minuto libre que teño. Así que, dende ese momento estou vivindo nun estrés permanente.

Como é a sensación de emprender algo pola túa conta?
Ao finalizar o programa te sentes igual que cando te independizas por primeira vez. Pódete chegar a atordar o grande que é o mundo afora, e que o máis parvo fai reloxos. Non queda máis remedio que poñer as pilas, ler e preguntar moito para saber aínda máis. Gústanme os retos e moitas veces me marco triplos saltos mortais. Pero á vez son consciente de que a piscina está coa auga xusta.

Hai algún aspecto negativo?
Eu reinvirto o pouco que ingreso, e gasto o que aforro, pois cada día se me formulan situacións que poden ser importantes para o desenvolvemento do meu negocio. Neste sentido, boto de menos que despois deste tipo de programas de formación estea presente algún dos organismos públicos que poden dar algunha axuda para desenvolver o teu proxecto. Sería incrible poder contar cun fondo económico que te permita vivir dignamente, mentres lle dedicas o cen por cento do teu tempo a traballar, desenvolver e testear o teu proxecto.

É o mar un sector con posibilidades para emprender?
Aínda que, dende un punto de vista natural, o mar foi máis a nosa cloaca que o noso tesouro, o seu potencial é moi alto. Dende o punto de vista do turismo o mar é e será sempre un punto de atracción. A praia vende por si soa, e se está a crear valor engadido co turismo mariñeiro e os deportes náuticos como a vela ou o surf. En “Escola de Emprendedores. Campus do Mar” vin proxectos apaixonantes que xamais houbese imaxinado. Todo tipo de profesións e empresas que se poden vincular ao mar mellorando sistemas de produción, elaboración, calidade ou loxística… creando valor. Neste sentido teño as ideas moi claras. Sendo galego, “para mariñeiros nós”, e se alguén ten que explotar o mar somos nós.

Como xurde Surfin?
Tras traballar dous anos como bolseiro na Oficina de Turismo de España en Singapur, volvín a España, onde me dediquei a surfear e a avanzar no meu proxecto de doutoramento: “Desenvolvemento turístico a través do Surf”. Denegáronme varias bolsas de investigación e non conseguía traballo, así que me frustrei. Pero tiña un proxecto interesante, cría nel, e tiña claro que podía ser un elemento catalizador da economía da rexión, así que tiña que darlle unha volta. É difícil dar na tecla, e ao final teste que adaptar ás necesidades do mercado volvéndote máis realista. Entón ocorréuseme que podía ter un oco unha guía de turismo especializada en surf. Despois, en canto ao nome, necesitaba algo sinxelo e facilmente identificable, así que xurdiu Surfin.

Cal é o teu valor engadido?
A calidade e a profesionalidade, pero tamén quizais a experiencia e a formación. Cheguei aquí a través de diferentes experiencias profesionais e vitais. Pasei por moitos chanzos na industria turística e do surf (investigación e promoción turística, monitor, formador e practicante de bodyboard), polo que o concepto que desenvolvo debería coñecelo moi ben. Ademais, o ser “pequeno” dáte unha adaptabilidade e flexibilidade que non che da unha empresa grande. Levo o proxecto tan dentro que se un cliente ten unha necesidade, non descanso ata poder proporcionarlle unha resposta. Son fiel seguidor do longlife learning e de evolucionar continuamente. Iso ten que reflectirse en Surfin.

Como está sendo a experiencia?
Brutal. É a mellor experiencia da miña vida en algúns aspectos e, a máis estresante. Toco teito moitos días, o que me carga de enerxía para continuar. Participei en Laboralia compartindo escenario con tres “súper cracs”, e un xornal citoume como “experto”. Cousas inimaxinables para min fai menos de medio ano, e que me esbozan unha soriso reconfortante de que algo debo estar facendo ben. É importante comprobar de vez en cando que o teu traballo non é en vano, aínda que o rédito económico sexa baixo. Máis importante que ós cartos é que a vida che regale experiencias e che sorprenda.

É un gran esforzo…
Pode que estea perdéndome moitas cousas por isto, pero quizais un día poda dedicarme ao que me gusta, e nese momento haberá merecido a pena. Non teño medo ao fracaso, pero non me gustaría fallarlle á xente que está confiando en min. Quizais por iso cada mañá levántome dun salto da cama como xamais fixera antes, con ganas de enfrontarme aos retos do novo día.

Coñece Surfin:
Facebook
Twitter
Google +
Instagram