Comeza a travesía emprendedora

Xa chegou o día. Escola de Emprendedores. Edición campus do Mar abriu as súas portas a unha vintena de alumnos que, con ilusión e ganas, iniciaron a súa travesía emprendedora rumbo ao seu futuro.

Como se dun porto se tratara, as instalacións da Fundación Universidade da Coruña (Edificio NORMAL do Campus de Riazor),  acolleron a primeira das paradas deste cruceiro formativo, destinado a dotar aos novos grumetes de habilidades e coñecementos emprendedores.

Inicio_Escola_Emprendedores_1

¿Cal é a meta desta viaxe? Pois impulsar o crecemento económico, o emprego e a internacionalización en Galicia e o norte de Portugal nun sector moi familiar para a súa poboación, e que brinda numerosas posibilidades empresariais: o mar.

Tras case un mes de preinscricións e unha semana de proceso de selección, o grupo que hoxe conforma Escola de Emprendedores. Edición campus do Mar puxo rumbo a unha nova etapa da súa vida académica cunha sesión dedicada á “Xeración, maduración e avaliación de ideas empresariais”. O docente Rafael Vázquez Cobas exerciu de capitán nun recorrido polos cimentos dunha empresa cun arma eficaz: o modelo Canvas.

Unha xornada académica que se une ata o 13 de xuño a outras eminentemente prácticas (como obradoiros sectoriais e visitas a empresas) e outras más experienciais como sesións de outdoor training, de diálogo con antigos alumnos e o manexo de simuladores de empresa ONLINE (método LEAN).

Empeza agora unha aventura de dous meses e medio durante os cales veremos crecer a futuros emprendedores mariños/ marítimos, motores da economía galega das próximas décadas.

Escola de Emprendedores. Edición Campus do Mar está organizado de forma conxunta polo Consello Social da Universidade da Coruña, o Campus de Excelencia Internacional – Campus do Mar e a Fundación Universidade da Coruña. Colaboran ademais a Asociación Gallega de la Empresa Familiar e a Fundación Ronsel.