ISIS INNOVATION: A busca da excelencia da man de Oxford

Co obxectivo de confirmar a excelencia académica do programa, a calidade da súa docencia e o seu campus internacional, a “Escola de Emprendedores. Edición Campus do Mar” conta dentro do seu curso cun “Taller de Emprendemento e Innovación” (Entrepreneurship and Innovation Workshop), a cargo de Isis Innovation.

Isis Innovation é a compañía de transferencia de tecnoloxía e coñecemento da Universidade de Oxford. Un enlace entre a actividade e investigación universitaria e o mundo empresarial que ofrece servizos de consultoría en máis de 50 países de todo o mundo e axuda a desenvolver e aplicar políticas e estratexias de innovación para os sectores público e privado.

Como o fai? Axudando aos investidores a seleccionar proxectos de universidades para transferir tecnoloxía, aos gobernos a formular e aplicar políticas, aos parques tecnolóxicos a crear os ecosistemas axeitados para os seus emprendedores ou ás empresas TIC a conectar cos provedores de tecnoloxía en toda a súa rede global.

O taller que Isis Innovation desenvolve na “Escola de Emprendedores. Edición Campus do Mar” está concibido para impartir a formación empresarial necesaria para a comercialización da investigación, co fin de participar máis eficazmente na transferencia de tecnoloxía ás empresas. Faino dun xeito práctico, baseándose nunha metodoloxía de aprendizaxe activa e participativa, buscando o intercambio de experiencias entre os participantes e o profesorado. O taller impartirase integramente en inglés.

É unha oportunidade única para que o alumnado obteña unha combinación de habilidades e coñecementos para afrontar as diferentes etapas do desenvolvemento de “estudantes/ investigadores” a “empresarios”.