A “Escola de Emprendedores. Edición Campus do Mar” presentouse en sociedade

A cidade de A Coruña acolleu este luns 15 de abril a presentación da “Escola de Emprendedores. Edición Campus do Mar“, un proxecto de formación para o fomento da cultura emprendedora no ámbito universitario, enfocando as habilidades e coñecementos principalmente ao sector mariño- marítimo.

Este programa está organizado conxuntamente polo Consello Social da Universidade da Coruña, o Campus de Excelencia Internacional- Campus do Mar e a Fundación Universidade da Coruña. Colaboran ademais a Asociación Galega de Empresa Familiar e a Fundación Ronsel.

Tras a primeira edición da “Escola de Emprendedores”, da que saíron start ups de éxito como as premiadas Sabor Place e Viaxeiros Low Cost, chega esta segunda edición vinculada ao Campus de Excelencia Internacional “Campus do Mar”. Unha segunda aventura formativa que supón “a primeira actividade visible da área de transferencia do Campus do Mar, destinada a formar unha nova xeración de emprendedores que achegue valor económico a Galicia”, como recordou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo e responsable do campus internacional.

Un exemplo de cooperación entre universidades que o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto, destacou como “mostra concreta do fomento do I+D nas nosas institucións e da xeración do coñecemento”. Ao respecto Armesto trasladou o seu desexo de que “con iniciativas como estas os universitarios se decaten de que emprender é unha vía factible e unha alternativa a traballar por conta allea ou para o Estado”.

O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril mostrouse “moi ilusionado e identificado” co proxecto por ser un espello dos compromisos do Consello Social, como a cooperación entre universidades, o achegamento da universidade á empresa, o fomento de cultura emprendedora e o traballo conxunto co tecido empresarial. Apostou ademais polo desenvolvemento sostible e a posta en valor do medio mariño galego, por iso aplaudiu o feito de que esta iniciativa se no mar, “a xoia de Galicia”.

Grazas a este proxecto, 25 estudantes do Sistema Universitario de Galicia, gozarán entre o 2 de maio e o 27 de xuño dunha completa formación de 250 horas nos campus de A Coruña e Vigo. Farano, como indicou o xerente da Fundación da UDC, Juan Carlos Bugallo, a través dun programa desenvolvido cunha “metodoloxía innovadora que escapa da teorización e que pretende salvar a carestía dos universitarios en competencias, habilidades e coñecementos para crear empresas e desenvolver proxectos de transferencia”.
presentación Escolta Emprendedores
De esquerda a dereita: o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril; o reitor da UDC, Xosé Luis Armesto; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e o presidente da Fundación da UDC, Juan Carlos Bugallo
presentación Escolta Emprendedores
De esquerda a dereita: o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril; o reitor da UDC, Xosé Luis Armesto; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e o presidente da Fundación da UDC, Juan Carlos Bugallo