O exemplo de Isis Innovation na masterclass ´Models of Technology Transfer and Innovation´

A tarde do mércores 12 de xuño celebrouse a Masterclass ´Models of Technology Transfer and Innovation´, impartida polo doutor Viraj Perera, senior Consultant of ISIS Innovation, empresa de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford. O acto contou coa presentación de Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC, que salientou o exemplo excepcional que pode ser ISIS para o sistema universitario galego.“Desde o Consello Social cremos que Isis Innovation é un modelo aplicable ás universidades españolas”. Explicou na súa intervención que “ao Consello Social da UDC a innovación e a investigación preocúpalle e ocúpalle”. Antonio Abril recordou que o 43% do I+D+i en Galicia procede do ámbito da Universidade.

O presidente do Consello Social lamentou que a materia pendente das universidades españolas é “transferir a ivestigación ao sector produtivo” e que, para iso, é fundamental unha maior cooperación entre a universidade e a empresa.

O doutor Viraj Perera iniciou a súa intervención destacando a importancia da economía baseada na innovación como alternativa á baseada en produción a baixo custo. “Se a industria non pode ser a base dunha economía, as alternativas son ter unha base no sector servizos, con salarios baixos e forza de traballo non preparada; ou basearse no coñecemento, que atrae xente mellor preparada e potencia o crecemento”, explicou.

_B__9309

Perera salientou o exemplo de ISIS Innovation, empresa de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, e tamén o de IBM e o do Goberno de Singapur como casos de estudo de atracción de coñecemento. “Unha boa estratexia de transferencia, coordinada e coherente, acelera o camiño da innovación, que hoxe por hoxe é case a única maneira de crecer nas economías desenvolvidas e nas emerxentes”. “Hai dúas maneiras de xestionar a transferencia das universidades. Por unha banda, as empresas propiedade das universidades, como Isis; pola outra, as oficinas internas, que son o modelo de España. Cada unha ten os seus pros e os seus contras”, dixo Perera, que si destacou que a aposta de Oxford por Isis Innovation dá bos resultados á universidade inglesa.

A clase maxistral impartiuse no marco da “Escola de Emprendedores. Edición Campus do Mar”, que organizan conxuntamente o Consello Social da Universidade da Coruña, o Campus de Excelencia Internacional – Campus do Mar e a Fundación Universidade da Coruña. Colaboran ademais a Asociación Gallega de la Empresa Familiar e a Fundación Ronsel.

Na introdución da conferencia tamén participaron Emilio Fernández Suárez, director do Campus de Excelencia Internacional- Campus do Mar, e Juan Carlos Bugallo Taibo, director da Fundación da UDC.

_B__9273