“Para emprender, ademais de habilidades, é necesaria unha actitude positiva”

Patricia Mouro é técnica de emprego na Fundación Ronsel, entidade que leva case tres lustros orientando, asesorando e acompañando a emprendedores/as no seu proceso de creación de empresas. Ademais é formadora habitual na área da xestión e planificación empresarial así como no ámbito do financiamento. Como tal exerce en dúas das sesións de Escola de Emprendedores. Edición campus do Mar, comunicando coñecementos e experiencia a uns  futuros emprendedores que necesitan habilidades e actitude.

Patricia_Mouro_Escola_Emprendedores_UDC

Que importancia ten este programa formativo ou este tipo de ciclos ao finalizar unha carreira universitaria ou posgrao?

Aínda dende a universidade cada vez se traballa máis en educación emprendedora,  non é suficiente. As competencias e habilidades emprendedoras non son soamente necesarias para a posta en marcha dun proxecto empresarial, se non que son clave para diferenciarte nun mercado laboral que nos esixe cada vez máis, e poder aportar un maior valor ao teu currículo. Neste tipo  de programas se traballa no desenvolvemento destas competencias profesionais, á vez que se promove o espírito innovador en todos os ámbitos da xestión empresarial, facilitando a implantación de aquelas ideas empresariais viables.

Ten a especialización deste programa formativo algún valor engadido fronte a outros?

Na miña opinión, o que considero que fai a este un programa diferente, novidoso,  é que non é “un curso ao uso”. Este programa formativo estrutúrase en sesións presenciais tanto na aula como outdoor, e se complementa con formación online, traballando a través do método LEAN, unha simuladora de empresas que actualmente estase a utilizar no mundo empresarial para testar o lanzamento de calquera produto ao mercado. Os alumnos tamén visitan as grandes empresas galegas referentes no mundo empresarial, e a través de mesas de experiencias coñecen de primeira man casos reais de emprendemento, algo do máis enriquecedor para o alumnado se o que queremos é achegalos á realidade actual.

Na túa experiencia como técnico de emprego e formadora habitual neste tipo de programas, como ves a actitude emprendedora dos mozos galegos?

Actualmente detéctase un maior interese dos mozos no emprendemento como outra vía de acceso ao mercado laboral. Toman eles a iniciativa formulando as súas dúbidas e mostrando a súa curiosidade de como “vai iso” o “que me pode supoñer” o arrancar cunha iniciativa. A situación do mercado laboral provoca que, quizais agora, o vexan máis próximo que fai 4-5 anos, e llo formulen a curto – medio prazo.

Supoño que non é doado “tirarse á piscina”. Qué se necesita para lanzarse a emprender?

Garantir que a piscina ten auga e analizar que sexa a auga suficiente que necesito para o meu salto. É necesario un estudo previo, unha análise de cada un dos aspectos que forman parte da miña iniciativa. Todo resúmese en traballar e elaborar un bo Plan de Negocio. Obviamente sen esquecernos de que, aínda que tecnicamente teñamos un bo proxecto, sabemos que é preciso ter desenvolvidas determinadas habilidades profesionais que no mundo empresarial son decisivas, e que neste programa traballamos, tales como a comunicación, a motivación, o liderado, etc.

Que lle dirías a eses mozos con medo ao vórtice existente no mundo laboral/ empresarial actual?

É certo que o mercado laboral está moi cambiante, o que provoca unha maior incerteza nos mozos. E cando as cousas non saen como queremos existe unha maior desilusión e desmotivación. Por aquí temos que empezar. A actitude é fundamental, é necesaria unha actitude positiva,  marcar uns obxectivos que realmente motiven, e estar aberto a outras opcións que a priori se descartaban. A quen se lle formule a alternativa de emprender, lle diría que non o faga so, que se rodee de persoas e entidades  que lle podan aportar, coñecementos, asesoramento, rede de contactos, etc. “Non te preocupes polos fracasos, preocúpate coas posibilidades que perdes cando nin sequera o intentas” – Jack Canfield.