Próxima reunión emprendedora en torno ao financiamento privado

O mércores 7 de maio Escola de Emprendedores. Edición campus do Mar reunirá a varias xeracións de valentes que levaron a cabo un proxecto empresarial ou o farán nun futuro próximo. Unha xornada sobre financiamento privado na que, polo seu carácter multidisciplinar, invítase a participar a todo o universitario que o desexe, estea adherido ou non ao programa de Escola de Emprendedores.

Durante a “Sesión Alumni: Introdución ao financiamento privado”, os asistentes escoitarán as palabras de Tania Villares, analista de inversións de Unirisco SCRA, a primeira sociedade de capital risco universitario autorizada pola Comisión do Mercado de Valores.

Tras a charla desenvolverase unha sesión de networking. Nun ambiente informal debaterase sobre as necesidades e dificultades que se atopan os emprendedores nas súas primeiras etapas ao fronte dun proxecto empresarial, creando así un espazo de intercambio de experiencias entre os asistentes.

As sesións alumni son unha das novidades que presentou este ano Escola de Emprendedores. Edición campus do Mar. Coa súa inclusión no programa preténdese establecer unha relación de continuidade e proximidade cos alumnos unha vez fora das aulas e seguir contribuíndo así á súa formación. Desta maneira establecerase tamén un vínculo entre estudantes de distintas promocións, creando unha forte rede de emprendedores e fomentando a colaboración entre eles.

A sesión, de carácter gratuíto, desenvolverase no edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo. Os interesados en acudir deben confirmar a súa asistencia en slopezj@udc.es ou eva@udc.es. Tamén a través do teléfono 981 167000 extensións 4374 ou 4393.